POLO NATAL? CHEGA O APALPADOR

POLO NATAL? CHEGA O APALPADOR

Assim nalgumhas comarcas da alta montanha do leste da Galiza, no Courel, Lóuçara e o Cebreiro; mantinha-se até datas muito recentes a tradiçom do Apalpador, um gigante com ofício de carvoeiro, que, no Natal, baixava das devesas onde morava para as aldeias, com a intençom de apalpar as barrigas das crianças para comprovar se estavam bem mantidas. O Apalpador vigiava que vivessem com fartura, desejava-lhes que no vindouro ano continuassem a nom passar fame, e deixava-lhes umha presa de castanhas quentes como presente e lembrança da sua visita.

É sabido que a igreja católica aproveitou toda umha série de festividades que marcavam o ritmo das sociedades existentes antes da cristianizaçom, tingindo com um novo verniz celebraçons e festas com milénios de história.
Assim sobre as celebraçons pagás do solstício do Verao colocou o Sam Joám, ligou o entuido em que celebramos a extinçom do Inverno com a quaresma e santificou as festividades dedicadas à morte que desde muito atrás coincidem na nossa cultura com os primeiros compassos do Outono. Mas guardou a celebraçom mais importante, a do nascimento do filho de deus, para a situar nas mesmas datas em que a maior parte das culturas europeias anteriores à era cristá celebravam o solstício do Inverno, como momento de renascimento do ano.
Dessa sobreposiçom do cristianismo sobre os restos culturais pré-existentes temos um bom conhecimento na Galiza, porque nom se trata só da adaptaçom ao calendário, mas da mesma ocupaçom dos espazos empregados de antano para cultos pré-cristaos sobre os quais, sem nengum complexo, se levantárom ermidas e cruzeiros para os adaptar ao cristianismo.
Porém, e apesar do esforço que o cristianismo fijo para apagar qualquer pegada dos cultos e crenças populares, som muitos os vestígios que ficárom como testemunho. Nalguns casos com mais sucesso que noutros, mas em todos eles como prova das fundas raizes que o nosso povo mantém como a cultura indígena que é.
Pode que o caso das tradiçons ligadas ao solstício de inverno sejam algumhas das mais perjudicadas por séculos de tergiversaçom, marginalizaçom e ocultamento. E neste caso o proceso de aculturizaçom tem-se agravado pola superposiçom a umha primeira deturpaçom de orige católica, com séculos de andadura, da poderosa maquinária ideológica do imperialismo que pretende homegeneizar a cultura popular a um nível global.
Mas por baixo do Pai Natal, o negócio da Coca-Cola e do Corte Inglés; mesmo por baixo dos Reis Magos e o nascimento de Cristo, na Galiza mantivérom-se pegadas de antigas tradiçons que é preciso recuperar.
Assim nalgumhas comarcas da alta montanha do leste da Galiza, no Courel, Lóuçara e o Cebreiro; mantinha-se até datas muito recentes a tradiçom do Apalpador, um gigante com ofício de carvoeiro, que, no Natal, baixava das devesas onde morava para as aldeias, com a intençom de apalpar nas barrigas d@s nen@s e assim comprovar se estavam bem mantid@s. O Apalpador vigilava que @s nen@s viviram com fartura, desejava-lhe que no vindouro ano continuaram a nom passar fame, e deixava-lhes umha presa de castanhas quentes como presente e lembrança da sua visita.
Possivelmente esta antiga tradiçom do Apalpador seja um dos mais antigos vestígios da nossa cultura. E como parte dum património ameaçado devemos pular por mante-lo e actualiza-lo.
Por que imos ter que asumir os dictados impostos por quem quere aculturizar-nos? Por que temos que ceder aos mandatos do consumismo capitalista e da tradiçom católica?
Aproveitemos também as celebraçons do natal para manifestar a nossa vontade de rebeldia e a nossa afirmaçom como povo, e escomezemos por recuperar a figura do Apalpador.
Que nom seja mais o barbudo publicista da Coca-Cola, nem os submisos monarcas orientais os que traiam os presentes aos fogares do nosso país!!
Deixemos que seja um galego, um honesto e trabalhador carvoeiro, quem venha agora com os presentes para as nossas moradas, e que as castanhas de antano sejam acompanhadas por outros bens que a sua generosidade de seguro lhe permite doar.
Este natal abramos-lhe as portas ao Apalpador!!!

Escrito em 24-12-2007, na categoria: Comissons
Chuza!

13 comentários

Comentário de: Cheiño [Visitante]  
Cheiño

Na miña consulta a miña nai, dice recordar que se decía que na noite boa había que encher ben a panza porque pasaba esa noite o APALPABARRIGAS, ése si que debe ser o personaxe dos Ancares, malia que nas casas dos pobres e de 5,6 ou 7 rapaces non había ningunha clase de agasallos.
Osea que reclamemos xa o noso “APALPABARRIGAS", xa que agora se que podemes encher ben o bandullo.

25-12-2007 @ 13:42
Comentário de: Casdeiro [Visitante]  
Casdeiro

Parabéns por esta iniciativa de recuperación de tradicións perdidas. A min o do carboeiro lémbrame moitísimo ao Olentzero vasco. Seica será unha tradición común a todos os pobos da cornisa cantábrica? Téñeno tamén os asturianos e os cántabros? Sería bo facer une studo comparativo das diversas lendas e tradicións ao respecto.

27-12-2007 @ 10:17
Comentário de: maruxa herbaboa [Visitante]  
maruxa herbaboa

QUÉ FELICIDADE!!!!! Isto sí que son boas novas e non as do anxo aquel….
Síntome triste e chea de ledicia ao mesmo tempo. Tristeira porque aos meus 27 anos acabo de ceñece-lo noso apalpabarrigas e telo ignorado toda a miña infancia. Pero xa pensando na descendencia ínzame de ledicia poder adicarlles aos meus unha festa con sentido e valores non basados no cepo moral católico nen no consumismo acerbado da man do mesmo… FAGAMOS A NOSA FESTA, REINVENTÉMOLA PARA OS NOSOS PEQUENOS GALEGOS FILLOS DO MUNDO!!

03-11-2008 @ 13:55
Comentário de: sanlocay [Visitante]
sanlocay

Penso que o Apalpador/Carboeiro, levaba galochos, era musculoso e estaba invitado polos vecíns a pasar a Navidade fora do monte onde pasaba o resto do ano, entre amigos e clientes.
Había moitos carboeiros por iso cada casa recibía algún.
Alimentabase do que había no campo, castañas, xabarín, corzo, etc.,

Isto pasaba coma cos musicos salvando as distancias, que cando tocaban nun povo, cada un cenaba e dormía nunha casa distinta, pre que estiveran contentos e non fora gravoso.

Os Carboeiros eran muy agradecidos, sempre traían algo pros nenos e faciánlle cosquillas na barriga, contandolles estorias do seu mundo fantástico.

Pros nenos era un acontecemento pois non vian a ninguén descoñecido en moito tempo.

Si volve o Carloeiro/Apalpador, poden volver as Ferrerías e a economía de autosuficiencia no propio entorno.

Pasalo ben.

03-12-2008 @ 23:49
Comentário de: sanlocay [Visitante]
sanlocay

Por certo, levaba saco. Como o de traer o carbón.

[A Ferrería de Seoane - O Caurel ]

Vémonos!, a veira do río Lor a entrada da Rogueira.

04-12-2008 @ 01:47
Comentário de: Antom [Visitante]
Antom

Don Apalpador:

Non lle sei se é así como debo dirixirme a vostede, pero é que aínda non nos coñecemos.

Eu son a Xoaniña, a filla de Raquel e de Afonso. Para febreiro cumpro oito anos. Xa sei que non está ben dicilo, pero vou moi adiantada na escola. Gústame moito ler e escribir.

A verdade é que é unha sorte que veña vostede este natal, pois dixeronme meus pais que co conto este da crise non podía pedir tanta cousa como o ano pasado, que houbo xoguetes a fartar.

Como tampouco sei que presentes adoita vostede traer, voulle dicir o que xa teño pedido:
Para Noite Boa, que ven o Papá Noel, pedín o MEGA PAKC PET SHOP na miña casa (logo, sempre hai algúns cartos e dous ou tres libros, pero iso xa non o pido ?para min que mos poñen meus pais-; tamén un móbil novo na casa da tía Ana e un minidisc na casa do tío Xiao.

Despois, a cas dos avós van os Reis, porque sempre foron alí, que daquela, cando miña nai era pequena non había Papá Noel, que disque chegou acó ultimamente, desde os Estados Unidos. Digo eu que se este santo ven repartir por aquí será que lle sobran galanos e, xa que logo, os nenos americanos deben ficar todos cheos de xoguetes. Que ben!, non lle parece, porque na Galiza hai nenos que quedan sen eles (E mire, achéguese que non nos oian: a eses que viñeron de fóra, negros, mouros ou louros, case nunca lles toca nada. Será porque estamos nós diante, non si?). Pois iso, que na casa da avoa Rosario pedín o BISCUIT (que é un canciño peluche que fai case de todo, coma se fose de verdade); e a HIGH ESCHOL MUSICAL na dos avós Xoán e Mariña.

Xa ve, non é tanto como estou afeita, pero élle o da crise, xa lle dicía.
Non me traia cabón, que temos cociña eléctrica e calefacción de gasóleo.
E vaia con coidado cando me apalpe a barriguiña, que teño cóxegas.

10-12-2008 @ 23:58
Comentário de: Antom [Visitante]
Antom

Há tempos nem sempre havia brinquedos para todos os meninos. Era frequente, nas famílias em precário, que os ?Reis? lhes trouxessem carvão. Tirar proveito dos viajantes, mesmo fosse dos carvoeiros, para abastecer-se de umas outras mercadorias era questão de economia de sobrevivência.
Apenas umas décadas atrás a fantasma do carvão como presente de ?Reis? ainda permanecia como ameaça.

Nestes lugares, abastecer-se de carvão no fim do ano parece coisa própria por natureza.
Trazer qualquer fruto (mesmo fossem castanhas) para o almoço no caminho era sempre necessário.
Afagar a barriga dum menino da casa à qual se vai vende-lo carvão, aquando se lhe diz: ?Tens fome, não tens?? e, a seguir, oferecer-lhe castanhas é um aceno jeitoso e de meiguice.

Pôde assim nascer o mito?

11-12-2008 @ 23:45
Comentário de: Xulio de Bustofrío [Visitante]  
Xulio de Bustofrío

Diríxome a vós para darvos os parabéns por esta iniciativa. Son do lugar de Bustofrío, a parte alta do Val de Lóuzara que limita co Courel. Hai uns oito anos, máis ou menos, fixen de “apalpador” na casa da miña muller en Romeor. Era o primeiro ano que quedaba na súa casa en fin de ano. Convencéronme para que me vestira cun pantalón de pana vello, unha chaqueta do ano do rei Perico e unha saca na que, supostamente, levaba o carbón mesturado cos agasallos. A cara dos sobriños da casa ao ver os agasallos e a min correndo pola leira de xunto a casa non se me esquerá nunca. Por iso, unha vez máis, aplaudo esta iniciativa.

16-12-2008 @ 22:35
Comentário de: xaime [Visitante]
xaime

Gustariame saber onde aparece o apalpador libros,libros de contos populares antigos ou cancios antigas ou vellos que lembren esas historias de cando eran cativos por que busco en internet etodo levame o mesmo punto coas mesmas palabras hasta noutros idiomas ¿aljien sabe aljo do asunto?

23-12-2008 @ 22:52
Comentário de: Xacobe [Visitante]
Xacobe

_ Antes de nada decir que eu non son dos Ancares nin siquera do interior de Galicia, e na miña zona nunca se falou do “Apalpador” a non ser que fose do cura, apalpando aos nenos, creo que hasta era irlandés. Pero, en fin, pareceme
moi ben que teñamos algo comercial e noso, coido que haberá que falar cos de “Estrella Galicia” a ver se fan co “Apalpador” o que a Coca Cola co Santo Nicolas ese… Boas Festas a tod@s.
Pd: Eu creo nos Reis que son tres e traenme máis cousas.

18-12-2009 @ 17:50
Comentário de: Xacobe [Visitante]
Xacobe

Xulio, con todos os meus respetos, creo que ti apalpaches máis esa noite que correndo detrás dos sobriños. E por certo eres dunha zona moi bonita que se debería protexer dos especuladores que eses si que apalpan que da medo.

18-12-2009 @ 18:02
Comentário de: Alexandra [Visitante]
Alexandra

Teño seis anos vivo en Allariz e este 24 vou esperar por primeira vez O Apalpador,faime moita ilusión!! gustame moito mais co papa noel que me da un pouco de medo o apalpador non… recordame o meu bisavó,bueno dicirlle que lle fagan chegar o meu aviso de que o espero e que aprovei todo e fun moiiiiiiiii boa,unha aperta,tamén vou avisar a meu primo Brais que ven pasar o nadal dende Valencia e me da que ainda non se enterou destas novas vaille encantar!!

23-12-2009 @ 13:52
Comentário de: Fernando [Visitante]
Fernando

Tampoco hay que ser más papista que el Papa , siendo de las Rías Baixas mis padres y abuelos en su vida escucharon hablar del Apalpador. Vete tú a saber si ese personaje no llegaría a través de un circuito cultural de lejanas tierras y es tan ajeno a Galicia como los Reyes Magos o Santa Claus.

25-12-2009 @ 23:02

    SEMENTE

      Somos um grupo de compostelanas e compostelanos decididos a fazer activismo cultural na nossa cidade e comarca. A língua e cultura galegas, a vontade de aprender, de difundir e recuperar os nossos costumes, a nossa história, a nossa música... som os nossos eixos de trabalho.

      Documentário Quatro anos de Gentalha já na rede!

      A Gentalha do Pichel Centro Social O Pichel Loja da Gentalha

        AGENDA DE EVENTOS

          Busca

          O blogue do Apalpador

          blogging tool